ALEXANDRE BÓVEDA

Alexandre Bóveda Iglesias foi un político galeguista, nacido en Ourense no 1903 no seo dunha familiar de estrato popular. A súa nai, Luisa Iglesias, era costureira e o seu pai, Xoán Bóveda, era traballador da construción.

Alexandre Bóveda Iglesias tería unha formación académica sólida, grazas ao apoio dos seus pais. Decantaríase polas matemáticas, inclinándose pola contabilidade e as finanzas. A música xunto ao deporte serían as súas paixóns para o lecer. En Ourense participaría da Coral de Ruada e impulsaría o “Galicia Fútbol Clube”, do que sería directivo.

Bóveda de estudante c. 1922.

Profesionalmente sería funcionario da Facenda pública, ocupando a xefatura da sección de Contabilidade na delegación de Pontevedra desde 1926. En Pontevedra coñecería á que sería a súa dona, Amalia Álvarez Gallego, coa que faría parte da Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra. Alexandre Bóveda e Amalia Álvarez Gallego casarían no mosteiro de Poio no ano 1930, tendo tres fillas e dous fillos.

No marco da Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra serían Afonso Daniel Rodríguez Castelao e Antón Lousada Diéguez, galeguistas das Irmandades da Fala, impulsores e directivos da devandita Coral, quen integrarían no nacionalismo galego do momento a Alexadre Bóveda. Coincidindo no tempo o inicio da militancia política nacionalista coa participación científica no Seminario de Estudos Galegos, nomeadamente na Sección de Ciencias Sociais, Políticas e Económicas.

Alexandre Bóveda e Amalia Álvarez Gallego. Pontevedra, 1931

Desde a cidade do Lérez impulsou, primeiro, a creación do Partido Galeguista de Pontevedra (1929), tras a queda da ditadura de Miguel Primo de Rivera, e de inmediato o Partido Galeguista (PG), a escala nacional no tempo republicano (1931). Primeiro ocuparía a secretaría xeral do PG e despois a secretaria de organización. Sería a figura central do proceso en favor do Estatuto de Autonomía de Galiza entre 1931 e 1936, dando lugar, de inicio, á Asemblea de Concellos de Galiza Pro-Estatuto (1932) e, despois, ao Plebiscito de Autonomía (1936). Xunto a Daniel Rodríguez Castelao sería Alexandre Bóveda o grande organizador, e referencia de ámbito nacional, do galeguismo no devandito tempo histórico.

Alexandre Boveda. Conferencia en Vigo, 1935

O seu compromiso cunha Galiza democrática, en forma republicana, e soberana daría lugar ao seu asasinato o 17 de agosto de 1936, semanas despois do inicio do golpe militar reaccionario e logo de participar o propio Alexandre Bóveda, Víctor Casas, José Adrio, Juan Rico, Amancio Caamaño, Telmo Bernárdez, Luis Poza, Paulo Novás, Germán Adrio, Amando Guiance Pampín e Ramiro Paz, entre outros, na defensa da legalidade republicana… Os restantes que farían, xunto a Bóveda, parte do Comité de Defensa da República serían fusilados o 12 de novembro daquel mesmo ano.

Pódese ler ao completo a súa biografía na obra Alexandre Bóveda nos seus documentos, editada pola Cátedra Alexandre Bóveda: