Día da Galiza Mártir

XIII Premio Galiza Mártir (2018)

Desde o ano 2006 a Fundación Alexandre Bóveda (FAB) fai entrega anualmente do Premio Galiza Mártir. Na pasada edición foi distinguido co XII Premio Galiza Mártir a Xosé Estévez Rodríguez (Quiroga, 1943), doutor en Historia, investigador de longa traxectoria e profesor honorario da Universidade de Deusto.

O presente ano a Fundación Alexandre Bóveda (FAB) entregará na Caeira o XIII Premio Galiza Mártir a Xosé María López de Guereñu, promotor e cofundador da entidade. Guereñu foi militante do Partido Galeguista, baixo a dirección de Ramón Martínez López, vicepresidindo a FAB, entre 1990 e 2003.

Coa entrega do XIII Premio Galiza Mártir a López de Guereñu a FAB recoñece o esforzo e labor do grupo fundacional da entidade, cunha mención especial aos seus dous primeiros presidentes, nomeadamente Manuel Beiras García (1904-1996) e Fernando Quintela Novoa (1916-2015).

Nesta orde de cousas, a Fundación Alexandre Bóveda entregará a Xosé Manuel Beiras Torrado, cofundador da FAB e fillo de Manuel Beiras García, así como a Dolores Gallego, viúva de Fernando Quintela, unha edición fac-símile do cartaz que o deseñador Vidarte elaborara en favor da campaña pro-Estatuto de 1936. Será no marco do xantar que anualmente organiza a FAB con motivo do Día da Galiza Mártir..

No cemiterio de San Amaro, ao pé dos restos de Alexandre Bóveda e Amalia Álvarez Gallego, Xosé Manuel Beiras Torrado desenvolverá o tradicional discurso do Día da Galiza Mártir, en lembranza de Bóveda e todas e todos os que loitaron por unha Galiza dona de si.

Homenaxe no exilio aos ‘martires galegos’. Castelao e Suárez Picallo, entre outros (bos Aires, 1944).

 

Programa completo

13hrs. Homenaxe na Caeira (Poio) a Alexandre Bóveda e a todas/os os represalidas/os polo franquismo.

13.30h. Entrega na Caeira do XIII Premio Galiza Mártir a Xosé María López de Guereñu.

 

14.30hrs. Xantar e entrega a Xosé Manuel Beiras e Dolores Gallego, no Parque da Memoria (Poio), da edición fac-símile do cartaz de Vidarte en favor da campaña pro-Estatuto de 1936; distinción a Manuel Beiras García e Fernando Quintela Novoa. INSCRICIÓN PARA O XANTAR

 

18hrs. Misa en lembranza a Alexandre Bóveda no cemiterio de San Amaro (Pontevedra).

 

18.30hrs. Homenaxe a Alexandre Bóveda no cemiterio de San Amaro (Pontevedra). Intervención da man do catedrático de economia e político nacionalista Xosé Manuel Beiras Torrado.

 

20hrs. Homenaxe a Alexandre Bóveda na Praza Curros Enríquez (Pontevedra).

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*