Desde o ano 2006 a Fundación Alexandre Bóveda (FAB) fai entrega anualmente do Premio Galiza Mártir. Na pasada edición foi distinguida con este galardón Aurora Marco, Catedrática da Universidade de Santiago de Compostela, autora de numerosos estudos e libros sobre a historia das mulleres e memoria histórica democrática. Na imaxe superior á dereita, recibindo o XI Premio Galiza Mártir, xunto a Amalia Bóveda Álvarez.
O presente ano 2017, a FAB acordou no seu Padroado recoñecer co XII Premio Galiza Mártir a Xosé Estévez Rodríguez (Quiroga, 1943), doutor en Historia, investigador de longa traxectoria e profesor honorario da Universidade de Deusto. Activista en favor da democracia e a soberanía de Galiza desde a década dos ’60 do pasado século XX e, desde a década dos ’70, autor de diversos estudos e obras sobre Castelao e o nacionalismo galego. Destacando a recuperación que realizou, desde a década dos ’80, da historia da “Triple Alianza” (1923) e do “Galeuzca” (de 1933 en diante), así como do exilio nacionalista. En todos os seus traballos Xosé Estévez ten reseñado o relevo político de Alexandre Bóveda, tanto no tempo republicano (en vida), como no exilio após da súa morte; tempo e espazo no que se daría lugar ao Día da Galiza Mártir, co gallo do aniversario do asasinato de Bóveda, desde o 17 de agosto de 1941.
Entre outras obras, Xosé Estévez é autor de:
La Autodeterminación de los Pueblos. Un reto para Euskadi y Europa (1985), Euskal Herría. Historia y Sociedad (1985), De la Triple Alianza al Pacto de San Sebastián (1923-1930). Antecedentes del Galeuzca (1991), Impenitencias Galeuzcanas (1992), Manuel Martínez Murguía. De estirpe vasca e berce do nacionalismo galego/Manuel Martinez Murguia. Euskal jatorrikoa eta Galiziako Abertzaletasunaren Aintzindari (2000), Castelao e o Galeuzca (2002), A Lagoa da memoria (2002), Galeuzca: la rebelion de la periferia, 1923-1998 (2009), Un crego atípico na Fonsagrada 1967-69 (2014), colaborando habitualmente con revistas científicas galegas, caso de Murguía, Revista Galega de Historia.
.
Xantar e entrega do XII Premio Galiza Mártir.
O xantar, no marco do que se fará entrega do XII Premio Galiza Mártir, desenvolverase por vez primeira ao carón do Parque da Memoria do Concello de Poio, cámara municipal que colabora anualmente, xunto ao Concello de Pontevedra, nos actos do 17 de agosto. Para asistir ao xantar e á entrega do XII Premio Galiza Mártir é preciso inscribirse. A través da renovada páxina web da FAB: www.alexandreboveda.gal . Galardón ao que suma o Instituto Galego de Historia e Murguía, Revista Galega de Historia, concedéndolle tamén a Xosé Estévez o III Premio Manuel Murguía ao Mérito e Labor Historigráfico, que será entregado á tarde no cemiterio de San Amaro, en Pontevedra, ao pé da tumba de Alexandre Bóveda e Amalia Álvarez Gallego.
Prema aquí para se inscribir no Xantar/XII Premio Galiza Mártir!!
*Se tiver calquera problema coa inscrición, escríbanos a: xantargalizamartir@alexandreboveda.gal .