Centenario Alexandre Bóveda

No ano 2003 cumpríuse o cen aniversario de Alexandre Bóveda Iglesias. Por volta do ano 2002 a Fundación Alexandre Bóveda (FAB) comezou a deseñar os actos que lembrarían ao galeguista, coa intención de divulgar socialmente a súa figura e incentivar investigacións sobre a súa traxectoria vital e obra.

Exposición sobre Alexandre Bóveda (Pazo de Mugartegui), impulsada pola FAB e o Concello de Pontevedra

Foron numerosas as actividades desenvolvidas e as entidades que colaborarían neste duplo obxectivo. Coordenarían a programación por parte da FAB Xosé Luís Bóveda Álvarez -fillo de Alexandre Bóveda e Amalia Álvarez-, xunto ao historiador Uxío-Breogán Diéguez Cequiel, ambos membros do Padroado da entidade. Para alén de conferencias, debates ou exposicións, entre outras iniciativas, declaracións institucionais, desde a FAB impulsaríase a edición dun documentario, intitulado Alexandre Bóveda. Capitán noso  (que desde finais do 2003 a finais do 2004 se proxectaría en numerosas localidades galegas), así como un Congreso e a posta en marcha dunha Cátedra universitaria.

A finais do ano 2003 desenvolveríase, nesta orde de cousas, o Congreso “A Galiza de Bóveda”, coa colaboración da Universidade de Vigo, o Concello de Pontevedra, a Xunta de Galicia e Caixanova, así como a Asociación Socio-Pedagóxica Galega e a Asociación Galega de Historiadores. O resultado do devandito Congreso daría lugar ao libro A Galiza de Bóveda, coordinado polo historiador Uxío-Breogán Diéguez, con máis de trinta achegas (investigacións, discursos e intervencións en mesas redondas) .

 

Capa do libro de actas do Congreso ‘A Galiza de Bóveda’.

Pola súa banda, a Catedra Alexandre Bóveda vería a luz en xuño de 2007, como resultado  dun acordo entre a Universidade de Vigo, a Fundación Alexandre Bóveda, Caixanova, a Consellería de Cultura e o Concello de Pontevedra. Desde o seu nacemento até a actualidade estivo dirixida por Álvaro López Mira, profesor da Universidade de Vigo e membro fundador da FAB. A Cátedra Alexandre Bóveda daría cobertura académica ao Centro de Estudos e Documentación Alexandre Bóveda (CEDAB), dirixido polo historiador e profesor da Universidade da Coruña Uxío-Breogán Diéguez Cequiel. A Cátedra Alexandre Bóveda, así mesmo, convou o I Premio de Investigación Alexadre Bóveda, que na súa primeira (e única) edición distinguíu as obras O que fixemos en Galicia: ensaio sobre o concepto da práctica xenocida (gañadora), do historiador Antonio Míguez Macho, e Fluxos migratorios e escola intercultural, da investigadora Sara López (finalista). Ambas obras serían publicadas, ao igual que A Galiza de Bóveda, no selo editorial Difusora de Letras, Artes e Ideas.