Centro de Documentación

Unha das actividades nas que, na última década e media, a Fundación Alexandre Bóveda (FAB) traballou arreo foi na posta en andaina da Cátedra Alexandre Bóveda, da Universidade de Vigo, así como no marco desta no Centro de Estudos e Documentación Alexandre Bóveda (CEDAB). Baixo dirección dos profesores Álvaro López Mira e Uxío-Breogán Diéguez Cequiel, respectivamente, até o momento desde a Cátedra Alexandre Bóveda e o CEDAB tense posto en valor a documentación que a familia Bóveda Álvarez cedeu á Fundación Alexandre Bóveda en vida de Amalia Álvarez Gallego, viúva de Alexandre Bóveda Iglesias.

Alexandre Bóveda nos seus documentos (2010)

Resultado destes traballos ten sido a catalogación dos fondos documentais, así como da edición de parte desta documentación histórica. Concretamente desde a Cátedra Alexandre Bóveda e o CEDAB tense editado o libro Alexandre Bóveda nos seus documentos, da man de Uxío-Breogán Diéguez Cequiel.

Obra na que desde a infancia até o asasinato de Bóveda, se realiza un percorrido pola traxectoria vital de quen fora secretario xeral do Partido Galeguista (PG) no inicio da II República.

*A Fundación Alexandre Bóveda participa do Arquivo do Nacionalismo Galego ( http://arquivodonacionalismogalego.info/ ), no que se sube á rede, de xeito gradual, documentación das entidades parceiras do proxecto de cara a divulgar os seus fondos.

**Se quixer consultar o fondo documental da FAB, póñase en contacto con nós enviándonos unha mensaxe a secretaria@alexandreboveda.gal.