Historia da FAB

A Fundación Alexandre Bóveda (FAB) nacía, oficialmente, o 29 de setembro de 1990 a partir de acta notarial de D. César Cunqueiro González-Seco e alta no rexistro de Fundacións da Xunta de Galiza.

Alexandre Bóveda en 1934

Entre as promotoras e promotores/fundadores da FAB estarían Amalia Álvarez Gallego, viúva de Alexandre Bóveda Iglesias, Amalia e María Dolores Bóveda Álvarez, fillas de Alexandre Bóveda e Amalia Álvarez, así como os galeguistas Manuel Beiras García, Avelino Pousa Antelo, Xosé Fernando Filgueira Valverde, José María López de Guereño, Carlos Amable Baliñas, Joaquina Trillo, Xosé Castro Ratón, Álvaro López Mira, Ramón Latas Espiño, Sebastián Rodríguez e Fernando Pereira, entre outros.

Sendo representados no devandito acto, da man de Avelino Pousa Antelo, de Manuel Beiras e de José María López de Guereño, Teresa Rodríguez Castelao, filla de Afonso Daniel Rodríguez Castelao, Isaac Díaz Pardo, Antón Fraguas, Xosé Manuel Beiras Torrado, Gustavo Santiago Valencia e Xosé Estévez Rodríguez, entre outros. Xuntos a estas persoas, tamén houbo entidades que participaron da creación da FAB, caso da Agrupación Alexandre Bóveda, da Coruña, a Fundación Pedrón de Ouro, o grupo Cultural Galego en Xenebra “Galiza Sempre” e as “Mocedades Galeguistas”.

Homenaxe no exilio aos ‘martires galegos’. Castelao e Suárez Picallo, entre outros. Bos Aires, 1944.

Uns e outros, unhas e outras, asinarían a acta notarial indicando que serían “Galegos de condición política (sic)”. Co nacemento da Fundación Alexandre Bóveda tomouse o testemuño do labor que desde 1941 se desenvolveu no exilio galeguista alén mar, en favor da manter viva a memoria do tempo republicano.

Nun primeiro momento ocuparía a presidencia da Fundación Alexandre Bóveda o veterano galeguista Manuel Beiras García, ocupando Amalia Álvarez Gallego e Amalia Bóveda Álvarez, compañeira e filla, respectivamente de Alexandre Bóveda, a vicepresidencia da FAB. Após o pasamento de Manuel Beira García (1996), o galeguista Fernando Quintela Novoa exercería como presidente da Fundación Alexandre Bóveda até novembro de 2014, meses antes do seu pasamento, ao que sucedería o historiador e profesor universitario Uxío-Breogán Diéguez Cequiel.

Amalia Bóveda Álvarez e Valentón García Bóveda, filla e neto de Alexande Bóveda, realizando unha ofrenda floral ao que fora secretario xeral do PG.

Os obxectivos centrais da FAB son, segundo se podía e se pode ler nos estatutos da entidade, divulgar o ideario político de Alexandre Bóveda, así como dar a coñecer a súa figura e contexto histórico do que fixo parte de xeito sobranceiro, nomeadamente o tempo da II República.

Homenaxe a Alexandre Bóveda en Ourense, cidade natal do galeguista, co gallo do seu nacemento (2016)

Neste marco, Alexandre Bóveda foi determinante de cara a crear o Partido Galeguista (PG) e desenvolver un proceso en favor dun estadio de Autonomía para Galiza, sen precedentes, encamiñado á creación dun Estado galego, como rezada o “Anteproyeito de Estatuto da Galiza” editado polo Seminario de Estudos Galegos (maio, 1931). Proceso que ficou inconcluso polo golpe militar reaccionario españolista de xullo de 1936, que acabaría dando lugar ao seu asasinato…

A Fundación Alexandre Bóveda desenvolveu desde o seu nacemento un traballo efectivo a partir dos devanditos obxectivos. Dentro da dinámica desenvolvida, marcou un punto de inflexión o ano 2003, no que se celebrou o centenario do nacemento de Alexandre Bóveda baixo coordenación de Xosé Luís Bóveda Álvarez, fillo de Alexandre Bóveda. Ao longo daquel ano foron case un cento os actos e actividades das que participaría e coorganizaría a FAB, para socializar a figura de Alexandre Bóveda. Como resultado da devandita efeméride quedan rúas e prazas co nome de Alexandre Bóveda, así como as actas do Congreso “A Galiza de Bóveda”, desenvolvido na cidade do Lérez, co apoio do Concello de Pontevedra, a creación dunha Cátedra na Universidade de Vigo e un Centro de Estudos e Documentación. Este último ten catalogado e dixitalizado todo o fondo documental (manuscrito e mecanografado) de Alexandre Bóveda, doado por Amalia Álvarez Gallego á FAB.