Premio Galiza Mártir

O Premio Galiza Mártir é unha distinción que entrega, desde 2006, Fundación Alexandre Bóveda co gallo do 17 de agosto, aniversario do asasinato de Alexandre Bóveda Iglesias en 1936.

As persoas galardoadas co Premio Galiza Mártir teñen sido as seguintes:

I Edición, 2006: Mariví Villaverde, represaliada, activista, familiar de represaliado e exiliada.

II Edición, 2007: Dionísio Pereira, historiador e activista pola recuperación da memoria histórica.

III Edición, 2008: Teresa Alvajar, represaliada, activista, familiar de represaliados e exiliada.

IV Edición, 2009: Justo Beramendi, Catedrático de Historia Contemporánea e América da USC. Estudoso da historia do nacionalismo galego.

V Edición, 2010: Avelino Pousa Antelo, Francisco Fernández del Riego, Xaime Illa Couto e Isaac Díaz Pardo, representantes dunha xerazón que traballou arreo polo Estatuto de Autonomía do ’36.

VI Edición, 2011: Xosé Álvarez, membro da asociación pontevedresa de recuperación da memoria histórica “Sempre con vós, cidadanía pola verdade”, e autor do blog “Pontevedra nos anos do medo”.

VII Edición, 2012: Xosé Luís Rivas Cruz (Mini) e a Baldomero Francisco Iglesias Dobarrio (Mero), activistas da recuperación da memoria histórica ao servizo da cal puxeron o seu quefacer musical en solitario ou como membros de Fuxan os Ventos e A Quenlla.

VIII Edición, 2013: Proxecto Interuniversitario “Nomes e Voces”. Dirixido por Lourenzo Fernández Prieto e coordinado por Dionisio Pereira, Xulio Prada, Xosé M. Núñez Seixas e Emilio Grandío. Co proxecto Nomes e Voces elaborouse unha base de datos da represión con 14.978 nomes e realizáronse 404 entrevistas a fontes orais que se sumaron ás 108 donadas por investigadores e particulares. Fixéronse 22.340 dixitalización, delas 7.773 fotografías e elaborouse o máis completo mapa de lugares de represión franquista dos existentes no Estado español. O modelo de investigación, en concreto a base de datos, foi asumido por outras universidades do mundo, polo seu carácter innovador na recuperación da memoria.

Homenaxe a Alexandre Bóveda na Caeira (Poio), no 2014. En primeiro plano Amalia e Xosé Luís Bóveda Álvarez, fillos de Alexandre Bóveda e Amalia Álvarez Gallego, xunto a Luciano Sobral, alcalde de Poio, e -en segundo plano- Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra.

IX Edición, 2014: Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer. Escritora, especialista na problemática da muller e profesora de Literatura Galega na USC e escritor, estudoso da literatura e director da Cátedra Valente de Poesía e Estética da USC, respectivamente. Ambos teñen dado lugar a numersosas obras referidas á memoria histórica democrática.

X Edición, 2015: Francisco Carballo (a título póstumo). Historiador cunha amplísima obra sobre a Galiza, represaliado pola súa colaboración na “Historia de Galicia” editada pola Frente Cultural da Asemblea Nacional-Popular Galega (AN-PG) e a súa abordaxe á figura do nacionalista galego Xosé Ramón, ‘Moncho’, Reboiras.

XI Edición, 2016: Aurora Marco, Catedrática da Universidade de Santiago de Compostela. Estudosa da historia de Galiza e, nomeadamente, das mulleres galegas.

XII Edición, 2017: Xosé Estévez Rodríguez, historiador e profesor da Universidade de Deusto. Autor de numerosas investigacións e obras sobre o nacionalismo galego durante a II República e o exilio. Destacan os seus estudos sobre a ‘Triple Alianza” (1923) e o “Pacto de Compostela” (1933) ou “Galeuzca” (1933 en diante).